ÁRBORE SENLLEIRA DE GALICIA

Baamonde · Begonte

Levo aquí
centos de anos

Chámome Castiñeiro da Capela, aínda que moitos
me alcuman Milenario.
Gústanme todos os meus nomes.Lémbranme que sigo vivo porque alguén me salvou.

Esta é mina historia

CAPÍTULO I

Son unha árbore
senlleira.

Hai árboresque gardanalgo excepcional.

Polo seu porte, pola súa idade, pola súa rareza ou pola historia que medrou ao seu redor.

Eu son unha delas.

Formo parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, creado en 2007 para recoñecer e protexer
árbores e formacións arbóreas de especial valor. Un patrimonio vivo que reúne natureza, paisaxe e
memoria, e que debe ser preservado para as xeracións futuras.

Son tan vello
que non lembro
cando nacín

Algúns din que hai máis de cincocentos anos; outros, que quizais hai uns trescentos. Medro xunto á
igrexa de Santiago de Baamonde, no concello lucense de Begonte. Aquí formo parte dun lugar onde
conflúen arte, memoria e vida.

Aínda que no pasado sufrín podas severas, resistín e volvín estender as miñas pólas.

O meu tronco é robusto e está lixeiramente inclinado. A pouco máis de dous metros do chan divídese
en dúas grandes ramas que sosteñen a miña copa e lle dan a súa forma característica, ampla e
arredondada.

A VIDA ESCRITA NA MIÑA CASCA

MÁIS DATOS SOBRE MÍ

Castanea
sativa Mill.

Pertenzo á familia das fagáceas. Os castiñeiros podemos vivir centos de anos e acadar os corenta metros de altura.

As miñas follas son alongadas, de bordos dentados e caducas. Cada outono déixoas caer, ao ritmo das estacións.

Entre maio e xuño aparecen as miñas flores. En outubro e novembro, as castañas maduran protexidas por un ourizo espiñento. Durante séculos, os nosos froitos foron un alimento esencial para as xentes de Galicia, e hoxe seguen a ocupar un lugar especial na súa gastronomía.

Ata hai pouco, atribuíase aos romanos a nosa chegada á Península Ibérica. Porén, hoxe sabemos que as nosas raíces xa afondaban nestas terras antes das últimas glaciacións.

CAPÍTULO II

A historia
de dous amigos

1967

PLAN REDIA

LA AMEAZA

Nacín xunto a unha ruta moito máis antiga ca min, pola que, desde había séculos, os peregrinos avanzaban polo Camiño Norte rumbo a Compostela.

Hoxe esta é a estrada que coñeces como N-VI, unha vía que ten os seus antecedentes no Camiño Real de Galicia, trazado no século XVIII durante o reinado de Carlos III. Desde aquí vin pasar carros e cabalarías, e despois os primeiros automóbiles. O tránsito medraba e sabía que, tarde ou cedo, aquel camiño volvería cambiar.

Ese momento chegou co Plan REDIA, aprobado en 1967 para modernizar os doce itinerarios con máis tráfico de España: uns cinco mil quilómetros de estradas. En 1971, as obras de ampliación chegaron a Baamonde. Eu seguía no mesmo lugar onde botara raíces, pero agora o meu tronco interpoñíase no trazado..

Despois de tanto tempo acompañando a quen pasaba, para este plan eu estaba no lugar equivocado.

19671971

O PROTECTOR

Aquel neno
que gabía
polo meu tronco.

Víctor Corral. Ese era o seu nome.

Nunca imaxinei que aquel neno que tantas veces gabeara polo meu tronco sería o home que me axudaría a seguir en pé.

Víctor coñecíame desde pequeno. Entre xogos e agochos, foi medrando ao meu carón. Eu vin como se facía maior e aprendía a mirar a natureza cunha sensibilidade singular que o acompañaría toda a vida.

Amaba os animais, as árbores e todas as plantas. Coidar deles e das persoas formaba parte da súa maneira de estar no mundo. A súa profunda espiritualidade expresábase tamén nese compromiso coa vida que tiña preto.

1971 · A SALVACIÓN

Un home.Unha árbore.Outra oportunidade.

Cando as obras de ampliación da estrada ameazaron con derrubarme, aquel vínculo da infancia
converteuse nun xesto de protección.

Víctor encerrouse no oco do meu tronco. Alí, na miña propia madeira, tallou un pequeno santuario dedicado á Virxe do Rosario.

Mentres as súas mans traballaban, a miña historia comezou a coñecerse máis alá de Baamonde. A atención dos medios axudou a deter a corta e puiden seguir aquí.

O ECO DUNHA HISTORIA

A miña historia empezou a viaxar.

E todos comezaron a coñecerme pola miña capela.

Recorte de El Progreso sobre la inauguración de la capilla del Castiñeiro da Capela, 12 de septiembre de 1971.
El Progreso 12.09.1971
Recorte de prensa que anuncia la inauguración de una capilla en el interior de un castaño en Baamonde.
El Progreso. 05.09.1971
Recorte de prensa sobre la capilla de Víctor Corral, con una fotografía de la talla en el interior del castaño.
El Progreso 31.08.1972
Recorte de prensa sobre la visita del vicecónsul de España en Junín al castaño-capilla de Baamonde.
El Progreso 23.10.1971
Recorte de prensa titulado «Un roble, capilla en Baamonde», con una fotografía de la capilla dentro del castaño.
Por error me llamaron roble - La Voz de Galicia 10.09.1971

CAPÍTULO III

A obra.

DENTRO DE MIN

Unha capela
no meu interior.

Dentro do meu tronco, Víctor deulle forma a unha pequena capela duns dous metros de diámetro, capaz de acoller ata catro persoas. Tallou a imaxe da Virxe do Rosario, patroa de Baamonde, e acompañouna de palabras e gravados simbólicos.

Gardo a pegada daquel neno que volveu para coidarme, convertendo o meu vello oco nun lugar de recollemento e paz.

NA MIÑA CASCA

Mira con atención.

AS FORMAS DA MIÑA MADEIRA

As súas mans
seguiron creando.

Co paso dos anos, seguiu atopando formas na miña madeira. Unha marta que asoma distraída, un paxaro carpinteiro e, presidíndoo todo, unha man de Deus. Para tallala, pasou varias horas suspendido dunha corda.

O POBO E O CAMIÑO

As pegadas
do meu lugar.

Tamén deixou no meu tronco o escudo de Baamonde e unha imaxe do Apóstolo Santiago. Son parte do lugar ao que pertenzo: este pobo e o Camiño Norte de Santiago, que trae ata min os pasos de tantos peregrinos rumbo a Compostela.

Ao seu paso, ofrézolles unha pausa e unha historia que levar consigo.

CAPÍTULO IV

O home
que me salvou.

Víctor salvoume
a vida.

E agora que el xa non está,
quero contarche a súa.

VÍCTOR CORRAL CASTRO · BAAMONDE, 1937–2021

Víctor Corral en su taller, rodeado de sus esculturas.

O PRINCIPIO DE TODO

Aprendeu a mirar.
E quixo crear.

As primeiras ganas de imaxinar | Fondo do Arquivo Histórico de Lugo
01 · OS COMEZOS

Víctor Corral naceu en 1937. De neno, mentres coidaba do gando no monte, levaba unha navalla e buscaba formas nas pedras e na madeira. Aos dez anos gravou a igrexa de Baamonde nunha lousa.

02 · A VIAXE

O seu camiño levouno á Coruña e a Barcelona, onde ampliou a súa formación, abriu un obradoiro e presentou a súa primeira exposición en 1966. Despois chegaron outras cidades e outros países.

03 · O REGRESO

Pero Víctor quixo volver. Aquí estaban as súas raíces, a súa xente e aquela paisaxe que espertara as súas primeiras ganas de crear.

04 · O LEGADO

Tras a súa marcha en 2021, aquí deixou a súa obra. A súa Casa Museo custodia o que creou coa súa maneira especial de mirar. E eu sigo aquí, como gardián do seu legado vivo.

As mans que lle daban forma á súa maneira de mirar | Fotografía de Carlos Valcarcel

ESCULTOR · PINTOR · POETA · GAITEIRO

A súa maneira de mirar.

Fotografía Fondo Casa-Museo Victor Corral

Eu coñecín as súas mans sobre a miña madeira. Outras obras naceron da pedra, do bronce ou de pequenos anacos de buxo que transformaba en delicadas miniaturas. Atopaba distintas maneiras de expresar unha mesma sensibilidade: o amor pola natureza, a espiritualidade e a preocupación polos demais.

Nas súas obras aparecen animais, figuras humanas e mans que protexen. Tamén hai dor ante a guerra, a fame e as inxustizas. A súa arte dáballes forma ao que amaba e ao que o preocupaba.

Por iso o seu xesto comigo permite coñecelo tan ben. Coidar dunha árbore formaba parte do seu compromiso coa vida que o rodeaba.

A CASA MUSEO

Un fogar
para a súa obra.

Moi preto de min, rúa arriba, Víctor construíu a súa Casa Museo. Quería reunir alí as súas creacións e conservar unha parte de cada etapa da súa vida.

No xardín, as esculturas conviven coa vexetación. Dentro, as miniaturas, as tallas e as pinturas permiten descubrir outras facetas do seu mundo.

Durante anos, el mesmo acompañaba a quen chegaba. Contaba a historia de cada peza e compartía os seus recordos.

CAPÍTULO V

Esta é
a mina casa.

As miñas raíces están en Baamonde.

Nun lugar onde as pedras, as árbores e os camiños gardan séculos de memoria.

A Igrexa, o Calvario e o Camiño acompáñanme.

PEDRAS QUE GUARDAN MEMORIA

A igrexa
de Santiago.

1019

A historia de Santiago de Baamonde é máis antiga ca a miña. Un documento de 1019 xa falaba do lugar e da súa igrexa.

O templo conserva pegadas de distintas épocas, desde a súa pía bautismal románica ata a arquitectura gótica que predomina nos seus muros.

1690

Aquí fundouse unha confraría dedicada á Virxe do Rosario. Séculos despois, Víctor tallou esa mesma
advocación no meu interior.

TRES CRUCES AO MEU CARÓN

O Calvario

No adro acompáñame o Calvario de Baamonde, un dos poucos conxuntos de tres cruceiros que se conservan completos en Galicia. É unha obra do século XVIII que, tras a súa restauración e un pequeno desprazamento respecto ao seu emprazamento orixinal, segue formando parte deste lugar.

Detente nos detalles

Na cruz central atoparás a Cristo e, na outra cara, á Virxe Dolorosa con tres puñais de ferro cravados no corazón.

A pedra imita as ramas podadas dunha árbore. Quizais esa forma che resulte familiar agora que me coñeces.

O CAMIÑO NORTE DE SANTIAGO

Unha pausa no Camiño.

VilalbaKM 100BaamondeMirazSobradoArzúaO PedrouzoSantiago

Final de etapa para uns e comezo do Camiño para outros.

Ao meu carón pasan persoas que percorren o Camiño do Norte cara a Santiago. Aquí, o fito dos cen quilómetros anuncia a proximidade de Compostela. Moitos chegan desde Vilalba. Desde aquí, o percorrido continúa cara a Miraz e Sobrado dos Monxes, antes de unirse ao Camiño Francés en Arzúa.

En Baamonde atopan un lugar de descanso e acollida, de encontro e de novas partidas.

E aquí permanezo eu, mentres cadaquén segue a súa viaxe, ofrecendo a miña sombra e a miña historia a quen se achega a coñecerme. Quizais, cando chegues ao teu destino, algo da calma que atopaches baixo as miñas pólas siga camiñando contigo.

FAI QUE ESTA HISTORIA SIGA VIVA

Comparte a miña historia.

Garda contigo un momento da miña historia.
Cóntalla a quen camiñe ao teu carón ou a quen te
agarde ao volver.

Comparte también un recuerdo o una imagen de tu visita.
Así, mi historia seguirá viajando con la tuya.

#castineirodacapela

Créditos

Concepto, deseño e desenvolvemento web

Boconti Estudio

Guión, fotografía e audiovisual

Boconti Estudio

Fontes documentais

Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Hemeroteca de La Voz de Galicia

Hemeroteca de El Progreso

Fondos documentais da Casa Museo Víctor Corral

Fondos do arquivo dixital de Galicia

Agradecementos

Casa Museo Víctor Corral

Igresia Parroquial de Santiago de Baamonde e Bispado de Mondoñedo-Ferrol

A todas as empresas que participaron neste proxecto.

Este proxecto foi promovido polo Concello de Begonte e financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ao abeiro da convocatoria de 2026 do procedemento MT804B: Axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Xunta de Galicia · Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Agora a túa historia tamén
forma parte da miña.